Monday 06 de May de 2024

Mila Castro pregunta polos plans do goberno para a limpeza de pintadas e graffitis no espazo públicoInicio Actualidad Mila Castro pregunta polos plans do goberno para a limpeza de pintadas e graffitis no espazo público


Pediralle explicacións ao executivo de Sanmartín sobre as actuacións realizadas polo servizo de limpeza posto en marcha polo goberno socialista

“Temos que coincidir en que manter o espazo público limpo e sen pegadas de carteis é fundamental para evitar danar a estética da nosa fermosa cidade” afirma

O servizo de limpeza de pintadas do Concello realizara ata o 2023 máis de 300 actuacións de eliminación de graffitis e carteis pegados en espazos públicos e privados que dan á vía pública. Agora, o grupo socialista interésase polo estado deste servizo que se puxo en marcha no 2021, durante o mandato socialista, ligado á concellaría de Emprego, logo de “máis de dez meses desde o último impulso coñecido” a este programa.

Mila Castro preguntará no pleno de este mes de abril polas actuacións realizadas por este servizo no último ano, así como polas intencións do goberno local ao respecto, “queremos coñecer se ten previsto seguir na mesma liña, potenciando este servizo e promovendo o acceso doado da veciñanza ao mesmo”. Explica a edil socialista que desde marzo do pasado ano, cando se anunciou a posibilidade de solicitar este servizo a través da sede electrónica, “nada se sabe”.

“Coincidiremos en que manter o espazo público limpo de pintadas e pegadas de carteis é fundamental para evitar danar a estética da nosa fermosa cidade” defende Castro que se pregunta ademais se desde o goberno local se poderían impulsar actividades “ou programas de concienciación para evitar estes actos vandálicos contra o espazo público”.

Insiste en que estas actuacións, non se fan só pensando na xente que visita a cidade, ás portas da tempada alta de turismo, “senón tamén das veciñas e veciños que vivimos nesta cidade e que queremos unha cidade digna de ser vivida”.